Escoitar

A Oficina Municipal de Voluntariado ofrece cursos para a realización de actividades solidarias

A Oficina Municipal de Voluntariado ofrece formación a persoas e entidades para a realización de actividades solidarias. En marzo haberá un curso de iniciación ao voluntariado, en abril terá lugar o curso de acompañamento en servizos sociais e agora estase a desenvolver un curso de xestores de voluntariado.

martes, 1 mar 2005
1109685339voluntad.jpg
A Oficina Municipal de Voluntariado inclúe na súa oferta formativa varios cursos destinados a persoas e entidades interesadas na realización de actividades solidarias. Dentro do seu programa terá lugar, do 8 ao 17 de marzo, o curso de iniciación ao voluntariado, de oito horas. O prazo para inscribirse nel acaba o 4 de marzo.

Este curso, que se impartirá no Centro Cívico do Casco Vello (rúa Oliva nº12), diríxese ás máis de 350 persoas que están inscritas actualmente na Oficina Municipal de Voluntariado e está aberto tamén a todos os cidadáns. Para participar nel requírese estar inscrito nesta oficina.

O obxectivo do curso de iniciación ao voluntariado é que todos os participantes adquiran unha formación básica como requisito previo á súa acción solidaria, tratando os seguintes temas: identidade e marco legal do voluntario, acompañamento de persoas maiores e de menores, educación ambiental e ocio e discapacidade.

Por outra banda, os días 6, 7 e 9 de abril desenvolverase no Centro Cívico do Casco Vello o curso de acompañamento en servizos sociais, de oito horas, dirixido aos mesmos destinatarios do curso de iniciación ao voluntariado coa finalidade de darlles unha formación máis específica. O prazo de inscrición deste curso está aberto ata o 31 de marzo.

O curso de acompañamento en servizos sociais está pensado para todos aqueles voluntarios que realizan tarefas de acompañamento axudando aos sectores máis necesitados da poboación; isto é, menores, persoas maiores e discapacitados.

Ademais, desde o pasado 26 de febreiro e ata o 5 de marzo, 17 entidades están a participar no Centro Cívico do Casco Vello no curso de xestores de voluntariado, destinado a profesionais de entidades e persoas interesadas na coordinación de proxectos de voluntariado. O obxectivo deste curso é presentar o itinerario de xestión do voluntariado aproximándose aos principais contidos de cada unha das súas fases.
Descargar todas as imaxes