Escoitar
"A Camelia de Ouro" foi para a floricultora de Cuntis Leonor Magariños

O Concurso-Exposición da Camelia reuniu durante esta fin de semana a 43 expositores

A XLI edición do Concurso-Exposición da Camelia, organizada pola concellaría de Cultura, reuniu, durante esta fin de semana pasada, a 43 expositores nas instalacións que a Zona Franca ten en Bouzas, procedentes non só de Galicia, senón tamén doutros lugares de España.

luns, 28 feb 2005
No transcurso do evento entregáronse diferentes galardóns nos que se valoraron a presentación dos expositores e a calidade das especies presentadas. Así, o galardón especial concedido pola Asociación Española da Camelia, o premio "A Camelia de Ouro", foi para a floricultora de Cuntis Leonor Magariños, quen tamén obtivo o premio nos anos 2001 e 2002.

Os outros dous premios especiais foron concedidos a María Teresa Díaz, como mellor lote debutante, e a Vicente Vázquez, pola mellor flor, no premio Antonio Odriozola. Ademais, concedéronse galardóns ás distintas variedades de camelias. Así, na especialidade de xapónica branca, os premios foron para Eduardo de la Rubia e Mercedes Pita. Na variedade de xapónica rosada Carmen Costas e os Misioneros dos Enfermos Pobres de Teis foron os galardoados. En xapónica vermella, os premiados foron Jesús Costas e Eduardo de la Rubia. Na variedade de reticulada de cor uniforme, Vicente Vázquez e Fernando Vila foron os participantes premiados. Na especialidade reticulada xaspeada, os galardoados foron Carlos Comendador e Manuela Couso. En híbrida de cor uniforme, os premios foron para Jesús Costas e Elena Valcárcel. Na especialidade híbrida xaspeada, o galardón foi para Carmen Costas. Noutras variedes, os premios foron para Hakima Rey y María del Carmen Corral. Na mellor presentación artística, as premiadas foron Rosa Crespo e María Teresa Justo.

Finalmente, no Certame de Escaparates, fallado o venres, os establecementos gañadores foron a Floristería-Galería Tienda-Jardín, situada na rúa Paraguai, e a Confitería Igleper, ubicada na rúa Venezuela.

No acto de entrega dos premios, celebrado o domingo, participaron o presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, quen defendeu potenciar o cultivo da camelia e a consolidación de novas especies, o presidente da deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, o delegado do Consorcio da Zona Franca, Francisco López Peña, a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, e o concelleiro de Asuntos Sociais, Ignacio López-Chaves Castro, entre outras personalidades.

A XLI edición do Concurso-Exposición da Camelia reuniu nas instalacións que a Zona Franca ten en Bouzas un total de 43 participantes Neste certame, ao cal o Concello destina 40.000 euros, ademais de contemplar diferentes variedades desta flor de orixe xaponesa nas súas distintas variedades, puideron coñecerse de primeira man dúas demostracións da cultura oriental relacionadas coas camelias.

Así, o sábado houbo unha demostración de "Ikebana", unha tradicional arte floral xaponesa e o domingo, tivo lugar unha representación do "Sado" ou Cerimonia do Té xaponesa.