Escoitar

A Casa da Xuventude, máis dunha década ao lado da mocidade

No número 31 da rúa López Mora, nunha edificación de altas e agudas torres facilmente recoñecible emprazase a Casa da Xuventude. Este centro de servizos totalmente gratuíto para a mocidade viguesa ofrece asesoramento personalizado principalmente en tres áreas: turismo, emprego e estudiantes.

venres, 25 feb 2005
1109344413casa.jpg
A Casa da Xuventude de Vigo leva en funcionamento xa máis de dez anos. Ao principio contaba só cun servizo de información xuvenil moi básico, pero a súa boa acollida serviu para pór o xerme do que é agora. O persoal e os servizos incrementáronse seguindo unha idea que foi clave no seu desenrolo: a especialización. Na actualidade a Casa da Xuventude conta con tres servizos especializados: información e orientación ao emprego, turismo xuvenil e información específica para o estudiante.

Estes servizos destacan principalmente por dar un asesoramento personalizado. "Non se trata de recitar unha serie de opcións senón de resolver as dúbidas específicas que cada persoa trae", explica Belén Mediero, técnica de Xuventude. Así, o área de emprego non se limita a informar das ofertas dispoñibles senón que tamén facilita cuestións como poden ser a elaboración dun curriculum e unha carta de presentación ou cómo comportarse nunha entrevista de traballo. E o mesmo ocorre coa información ao estudiante, que inclúe as saídas laborais e asesoramento segundo perfís, ou o turismo, que facilita un listado de albergues, campamentos, campos de traballo e información para viaxar ao estranxeiro ao mellor prezo.

Ademais destes servizos persoais e especializados a Casa da Xuventude conta con biblioteca, sala de lectura e documentación, acceso de balde a Internet, unha sala de exposicións ben nutrida ao longo do ano, laboratorio de fotografía para o revelado en branco e negro, sala de reunións prestables a asociacións, grupos ou entidades xuvenís, ludoteca e un orixinal e pioneiro préstamo de locais de ensaio para o apoio e fomento da música local.

A Casa da Xuventude emprazase no número 31 da rúa López Mora, nun chalé pintoresco e facilmente recoñecible chamado O Pilar e construído no primeiro carto do século XX. Esta edificación de influencias alpinas e centroeuropeas destaca pola inclinación das súas cubertas, a abundante ornamentación e a presencia de dúas torres de agudos picos nos ángulos. Unha delas, a voada, amosa unha fermosa galería de tipo oriel-window inglés, mentres que na máis alta o arquitecto sitúa sobre a pronunciada cuberta unha orixinal bufarda que actúa como miradoiro elevado.

A pesar da singularidade do edificio e de quedar no centro da cidade, a súa situación pode non ser a mellor xa que non se atopa nunha zona de tránsito continuado da mocidade. "Creemos que non hai un coñecemento suficiente do que facemos. Sabemos en cambio que a xente que ven síntese moi cómoda e ben atendida pero debemos chegar á maior parte da mocidade. Que todos coñezan a variedade de actividades e servizos que ofrecemos", comenta Belén Mediero.

Infobus, asociacionismo e voluntariado

Nos últimos anos o conxunto de actividades da Casa da Xuventude ampliouse significativamente, "sobre todo pensando na descentralización que precisamos", apunta a técnico de Xuventude Belén Mediero. Neste senso aparece o infobus, que fai un percorrido polos colexios de ensinanza pública da cidade achegando aos rapaces as actividades da Casa e resolvendo tódalas dúbidas no ámbito das súas competencias. A Casa da Xuventude conta tamén cun servizo de asesoramento ao asociacionismo (pasos a seguir, vantaxes, subvencións...), outro de voluntariado en Europa (axudas de manutención, procura de traballo...) e van sacar un boletín dixital para mandar información a cada un dos subscritos directamente ao seu e-mail.

Ademais da información xenérica que vai chegando e que os técnicos de Xuventude van colocando ordenadamente no espacio dedicado a elo na planta baixa, a Casa conta cunha páxina web onde colgan a maior parte da información da que dispoñen: convocatorias de concursos, cursillos, vivenda, ocio e tempo libre, viaxes... A web www.xuventudevigo.org conta incluso cun consultorio de sexualidade que fan en colaboración co Centro Xove de Saúde Sexual e Anticoncepción de Alecrín. Pódese facer calquera consulta de forma anónima a través da páxina.

A Casa da Xuventude de Vigo ten unha grande consideración no panorama galego sendo xunto coa de A Coruña a mais activa da comunidade. Sería por eso unha mágoa que a propia xuventude viguesa non a aproveitase por desidia ou descoñecemento. O seu horario de luns a venres é de 8 a 21 horas e de 16,30 a 21 horas. Se alguén ten dúbidas en materia de emprego, turismo ou formación, quere coñecer novas propostas para o seu lecer e tempo libre, pretende viaxar a algún país europeo como estudiante, traballador ou voluntario, quere formar unha asociación e non sabe cómo ou simplemente quere propoñer algunha iniciativa destinada á mocidade, que non dubide en pasarse pola Casa da Xuventude.
1109344413casa.jpg
1109344467expo.jpg
Descargar todas as imaxes