Escoitar

O Pleno do Concello esixe os terrenos de Casa Mar para o futuro Auditorio

O Pleno do Concello aprobou por unanimidade unha moción do BNG na que se esixe a Portos do Estado a cesión gratuíta dos terrenos da antiga Casa Mar para a construcción do Auditorio. Outra das mocións aprobadas, presentada polo PsdeG-PSOE, insta o Concello a elaborar un inventario de bens de titularidade municipal.

luns, 28 feb 2005
O Pleno do Concello aprobou por unanimidade unha moción presentada con carácter de urxencia polo grupo do BNG na que se esixe ao organismo Portos do Estado a cesión gratuíta dos terrenos da antiga Casa Mar para a construcción do Auditorio. A alcaldesa, Corina Porro, pediu a este respecto "xustiza coa lei na man".

José Manuel Figueroa, en representación do PP, afirmou que o Goberno municipal está listo "para aprobar o prego de condicións deste proxecto na próxima Xunta de Goberno". Pola súa banda, Ventura Pérez Mariño, do PsdeG-PSOE, asegurou que o seu grupo considera "de interese social" o Auditorio, e o representante do BNG, Santiago Domínguez, demandou "un esforzo" a todas as formacións políticas para que Vigo conte con este servizo.

Outra das mocións que se aprobaron por unanimidade no Pleno celebrado hoxe luns foi a presentada polo PsdeG-PSOE e que insta o Concello a elaborar un inventario de bens de titularidade municipal. A finalidade desta proposta é posibilitar que o Concello poida actuar como xestor do solo municipal. Neste sentido, a concelleira do PsdeG-PSOE María Luisa Graña, indicou que os terreos que integran o patrimonio municipal deberán "destinarse á construcción de vivendas de protección pública e a outros usos de interese social".

Tamén contou co respaldo unánime do Pleno outra moción do PsdeG-PSOE na que se solicita do Ministerio de Cultura a súa plena incorporación, no prazo máis breve posible, ao padroado do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO).

Pola súa banda, o BNG presentou unha moción na que apoia a redacción dun novo Estatuto de Galicia, con medidas como unha comisión no Parlamento galego que se ocupe de elaborar un documento de bases consensuado "con independencia dos ritmos electorais". A moción, que ademais avoga por someter o novo Estatuto a unha consulta popular, foi aprobada cos votos do propio BNG e do PsdeG-PSOE, que considera esta cuestión "unha necesidade asumida". O PG abstívose e o PP votou en contra por considerar válido o actual marco constitucional e estatutario.

Outras dúas mocións relativas ao segundo cinto de circunvalación resultaron aprobadas co apoio de todos os grupos. A primeira, do PG, pídelle ao Ministerio de Fomento unha solución constructiva con falsos túneles na zona das Presas, na área próxima ao enlace con Ricardo Mella e mais en Valadares. A segunda, presentada polo BNG, insta ao inicio dunha negociación inmediata entre o Concello, a Xunta e o Ministerio de Fomento para posibilitar a conexión de entrada e saída entre a estrada de Camposancos e o segundo cinto.