Escoitar

A praia de A Punta, limpa de restos de fuel

O Concello non recomenda o baño neste areal, e confía en repoñer a bandeira azul a vindeira semana.

venres, 6 ago 2004
A praia de A Punta está limpa de restos de fuel. Un grupo de 15 operarios habilitado polo Concello traballou durante toda a noite na limpeza dos restos de fuel que chegaron ata este areal vigués, consecuencia do verquido dunha embarcación.

O Concello de Vigo non recomenda o baño nas augas de A Punta, e confía en que a bandeira azul volva a ondear neste areal a vindeira semana, cando o inspector de ADEAC, o organismo que concede as bandeiras azuis visite a zona. Ata ese momento a praia terá bandeira vermella.

Ademais, un equipo duns 26 operarios habilitado polo Concello vixila as praias de A Manquiña, A Lagoa e a ETEA en previsión da posible chegada de fuel. O dispositivo de Seguridade habilitado polo Concello a través da Policía Local, fai un seguimento da evolución do verquido. Persoal do Concello está preparado para actuar no caso de que o fuel chegue ata outros areais vigueses durante a fin de semana.

O Concello de Vigo está coordinado con Capitanía Marítima, que fai o seguimento da situación, así como coa Xunta de Galicia. A alcaldesa, Corina Porro, sobrevolou hoxe a zona nun helicóptero e comprobou a evolución dos traballos de limpeza. Os concelleiros de Medio Ambente e de Mobilidade e Seguridade desprazaronse tamén ata a zona para comprobar a situación.