O Goberno local dedica 517.000 euros anuais á Escola Infantil de Bembrive
O Concello destina preto de 3 millóns de euros anuais ás nove escolas infantís municipais para nenas e nenos de 0 a 3 anos, que son gratuítas para as familias e financiadas integramente polo Goberno municipal.
Abel Caballero informou da adxudicación da xestión da Escola Infantil Municipal de Bembrive para os próximos catro anos, cun investimento de 2,68 millóns de euros, o que supón arredor de 517.000 euros anuais.
O rexedor destacou que este importe representa a subvención directa que reciben cada ano as familias usuarias deste centro, xa que o Concello mantén a gratuidade do servizo, nas nove escolas infantís municipais da cidade, ás que o Concello destina preto de 3 millóns de euros anuais.
“Subvencionamos ás familias con nenas e nenos de 0 a 3 anos porque lles financiamos a atención educativa, o servizo de comedor e unhas instalacións dotadas do persoal necesario. Queremos que a atención sexa óptima”, afirmou.