Escoitar

Caballero defende á veciñanza e insta á Xunta a pactar as compensacións do proxecto urbanístico no Ofimático

O alcalde instou á Xunta a pactar as condicións do desenvolvemento do Proxecto de Interese Turístico do Ofimático coas persoas afectadas. Explicou que o centenar de familias afectadas ten dereito a compensacións económicas axeitadas e a estar informadas con antelación suficiente.

luns, 6 xul 2026

O alcalde mantivo esta mañá unha reunión coa Plataforma de Afectados polo Proxecto de Interese Turístico (PIA) do Ofimático. Tal e como detallou, hai 35 inmobles residenciais afectados -un centenar de familias aproximadamente – e 250 propiedades, fundamentalmente, fincas ocupadas de xeito habitual. Neste contexto, Caballero defendeu que a cidade creza de xeito ordenado e con axilidade na construción de vivendas sometidas a algún tipo de protección pero “tamén é moi importante respectar os dereitos das persoas afectadas”.

Na súa opinión, a Xunta debe utilizar todas as vías que outorga a lei para atender a estas familias respectando “escrupulosamente” os dereitos das persoas afectadas, que teñen que ser compensados de forma “razoable” usando todas as vías legais como, por exemplo, a posibilidade de que a veciñanza da zona se poida realoxar en vivenda no mesmo ámbito, ou acordos de permuta tanto de vivenda como de propiedades. En todo caso, subliñou, as compensacións económicas deberían ser adecuadas para todos os afectados.

Caballero insistiu na necesidade de garantir certezas sobre a solución final antes de que se inicie acción algunha sobre calquera propiedade e criticou á Xunta por “maltratar os dereitos das zonas afectadas”, esixindo celeridade e que de xeito inmediato se acorde cos afectados porque están ofrecendo cantidades económicas insuficientes. O alcalde insistiu en que o ideal sería que Xunta e propietarios pechen acordos para que un proceso de transformación duhna zona tan importante da cidade sexa pacífico.

 

Descargar todas as imaxes