Escoitar

Vigo superará o 90% de ocupación hoteleira esta fin de semana

A cidade consolida o seu liderado turístico cunha ocupación media no mes de xuño do 76,3%, 18 puntos más que no mesmo mes do ano anterior.

venres, 3 xul 2026

Abel Caballero anunciou que a previsión de ocupación hoteleira para esta fin de semana supera o 90%, polo que Vigo camiña cara ao cheo total nos seus establecementos. Ademais, lembrou que a ocupación media durante o mes de xuño alcanzou o 76,3%, a máis alta dos últimos anos e 18,3 puntos superior á rexistrada no mesmo mes de 2025. “Seguimos incrementando o turismo cun modelo cómodo, amable e perfectamente compatible coa vida da cidade. En Vigo convívese moi ben co turismo”, afirmou.

O alcalde explicou que o 14% das persoas visitantes en xuño procederon do resto de Galicia, o 49% do resto de España e o 37% foron turistas internacionais, o que confirma a crecente proxección exterior da cidade. Entre estes últimos, destacou especialmente Portugal, que representa o 24% das visitas estranxeiras, seguido dos Estados Unidos, cun 13%, do Reino Unido, cun 5,5%, e de Italia, cun 5,4%.

O rexedor puxo en valor o impacto económico que ten este sector para a cidade, subliñando que “o turismo é unha fonte de ingresos, de negocio, de emprego e de renda para milleiros de persoas”. Amais, asegurou que estes datos consolidan a Vigo como un destino de referencia internacional.

Descargar todas as imaxes