O Concello destina 460.000 euros ás festas da cidade
A Xunta de Goberno Local aprobará mañá venres a convocatoria e as bases reguladoras das subvencións para as festas tradicionais, patronais, gastronómicas, festivais folclóricos e actividades socioculturais para o período 2025-2026.
O alcalde destacou o “apoio importantísimo para as festas da cidade” que presta o Goberno municipal a través destas subvencións que se triplicaron desde o ano 2022, chegando a un total de 460.000 euros nesta convocatoria.
Tal e como explicou, as entidades organizadoras poderán solicitar as axudas para asumir gastos das celebracións que realicen entre o 1 de novembro de 2025 e o 31 de outubro de 2026. As subvencións distribúense en dúas grandes liñas: a primeira para as actividades socioculturais e relacionadas con artes escénicas, das que se subvenciona un máximo do 75% do orzamento presentado.
A segunda liña de axudas inclúe as festas tradicionais, patronais, gastronómicas, folclóricas… de maneira que as festas de especial interese poderán recibir 38.000 euros; as festas patronais en barrios e parroquias optarán a 18.000€, 12.000€ ou 4.000€ en función do orzamento e da antigüidade da celebración; as festas gastronómicas de especial interese en barrios e parroquias 4.000€; os festivais internacionais folclóricos 8.000€; as festas etnográficas, folclóricas e de música tradicional doutras autonomías poderán recibir 12.000€ ou 4.000€ en función do orzamento e a antigüidade.
As solicitudes poderán presentarse durante 15 días hábiles desde o día seguinte á publicación da convocatoria das axudas no Boletín da Provincia de Pontevedra.