Escoitar

O Goberno local inicia a recuperación da Calzoa e O Vao tras a autorización da Xunta tres meses despois

Abel Caballero lamenta o atraso da administración autonómica e anuncia o comezo inmediato das actuacións para restaurar os areais afectados polos temporais de febreiro.

xoves, 2 xul 2026

O alcalde anunciou o inicio inmediato das obras de recuperación do sistema dunar das praias da Calzoa e dunha parte do Vao, gravemente afectadas polos temporais rexistrados durante o pasado mes de febreiro. O rexedor explicou que a forza do mar provocou a caída de postes e do peche dunar, así como a perda da barreira de area que protexe estes areais.

Segundo indicou, o Concello solicitou no mes de marzo a autorización da Xunta de Galicia para executar as actuacións de reposición, pero non obtivo resposta ata hai apenas tres días. “Ata ese momento non tiñamos autorización para recompoñer e restaurar a praia”, lamentou Caballero, quen criticou que a administración autonómica demorase tres meses un permiso que, ao seu xuízo, “tiña que tramitarse pola vía de urxencia”.

As actuacións, cun investimento de 7.200 euros, permitirán reconstruír o peche dunar nos areais da Foz, A Calzoa e na zona do Vao máis próxima a Toralla mediante a instalación de novos postes unidos por malla protectora. O proxecto inclúe tamén a plantación de especies autóctonas adaptadas ao hábitat dunar e a retirada dos restos acumulados baixo as dunas como consecuencia dos temporais.

O alcalde insistiu en que estes traballos “non se puideron facer antes porque a Xunta tardou tres meses en conceder unha autorización imprescindible”, malia que, segundo afirmou, era coñecida a necesidade de que as praias estivesen plenamente recuperadas antes do inicio da tempada estival. “Hoxe comezamos as obras, pero a responsabilidade deste atraso é da Xunta de Galicia”, concluíu Caballero.

Descargar todas as imaxes