O Concello aprobará a cesión ao Ministerio de Cultura da parcela da Biblioteca do Estado
A próxima semana quedará aprobada a cesión ao Ministerio de Cultura da parcela da rúa Lalín na que se vai construír a Biblioteca do Estado. O alcalde deu conta esta mañá do avance na tramitación desta infraestrutura cultural.
O Goberno local aprobará inicialmente o martes que vén a cesión ao Ministerio de Cultura dunha parcela situada na rúa Lalín para a construción da Biblioteca do Estado. Para completar este expediente, foi preciso obter unha certificación do Rexistro da Propiedade, unha certificación do secretario municipal de que a parcela é un ben patrimonial do Concello e, finalmente, un ditame técnico sobre condicións urbanísticas da parcela.
Con esta documentación, explicou Caballero, procederase a propoñer á Xerencia e, posteriormente, á Xunta de Goberno a aprobación do expediente de cesión. Esta aprobación inicial someterase a exposición pública durante 20 días hábiles e, se non houbera alegacións, quedaría definitivamente aprobada. Unha vez validado na Xerencia do próximo 7 de xullo, a previsión é aprobalo na Xunta do Goberno do 10 de abril.
Empresa Municipal de Vivenda
Abel Caballero avanzou, así mesmo, esta mañá que a Xerencia de Urbanismo da semana que vén tamén aprobará a constitución da Empresa Municipal de Vivenda de Vigo EMVIGO. Trátase, dixo o alcalde, do paso previo á aprobación plenaria. A partir de aí, o expediente someterase a información pública durante 30 días hábiles e, se non houbera alegacións, quedaría aprobado de xeito definitivo.
O alcalde lembrou que a Empresa Municipal de Vivenda parte dun capital de 8,6 millóns de euros -transferidos integramente desde o Concello – coa finalidade de actuar na urbanización, promoción e construción de vivenda protexida a prezo taxado e xestión de alugueiros.
A actividade desta sociedade anónima arrancará coa construción de 200 vivendas en Santa Cristina e 27 en Esturáns. Tamén se actuará na rehabilitación de inmobles nas chamadas zonas ARIS (Áreas de Rehabilitación Integral) con fondos procedentes do Goberno de España. Con ese programa, detallou Caballero, xa se reformaron 400 vivendas na cidade.
A EMVIGO, así mesmo, será a encargada de xestionar o programa de alugueiro municipal. Ademais, se así o desexan os propietarios, promoverá a concesión de subvencións, facilitará o alugueiro e rehabilitación, a elaboración de certificados de eficiencia enerxética ou a contratación de seguros. O obxectivo é facilitar a posta en alugueiro de inmobles baleiros que recuperarán en perfecto estado despois de cinco anos. O importe deste programa é de 2.1150.000 euros e as achegas poden solicitarse ata o 1 de outubro de 2027.