Escoitar

O Goberno local ultima o inicio do proxecto de macroparque na Finca Matías

O macroparque infantil da Finca Matías converterá este ámbito situado entre Travesía de Vigo e a rúa Aragón no maior espazo de xogos da cidade. A actuación contará cun investimento de 2.850.000 euros e un prazo de execución de oito meses, segundo avanzou esta mañá Abel Caballero.

venres, 3 xul 2026

O alcalde deu conta hoxe do inminente inicio das obras de construción do macroparque de xogos de Finca Marías. Esta actuación completarase co proxecto das tres novas ramplas mecánicas, xa aprobado en xaneiro, que conectarán Travesía de Vigo coa rúa Aragón, Travesía de Vigo 98-100 e Toxal, cun investimento adicional de case 2 millóns. En total, o Concello destinará máis de 4.763.000 euros á transformación integral desta zona da cidade.

O proxecto contempla a creación de dúas grandes áreas diferenciadas separadas pola rúa Toxal, así como a adecuación de todos os accesos para garantir a conexión integral do macroparque. O novo espazo incluirá zonas de estancia con mobiliario urbano renovado —bancos, mesas, papeleiras e fontes—, ademais da modernización completa dos servizos urbanos.

As actuacións abranguen tamén a renovación da iluminacion pública con sistemas de alta eficiencia, redes de saneamento, abastecemento, enerxía, gas e telecomunicacións, así como o acondicionamento dos peches e muros existentes.

O alcalde puxo en valor a importancia do proxecto, que incluirá nova xardinería, plantación de céspede, pantallas vexetais, novos exemplares arbóreos e protección da vexetación xa existente. Ademais, instalaranse novos sistemas de rega para garantir o mantemento das zonas verdes.

Caballero insistiu na necesidade de acometer esta actuación a pesares da oposición da Deputación de Pontevedra.

Descargar todas as imaxes