Escoitar

O Concello remodelará o parque da Praza Fernando Elorrieta Rey por 763.000 euros

Abel Caballero explicou este venres que o Concello avanza na reforma integral da zona verde e de xogos, coñecida como Fonte da Portela, na rúa Palencia.

venres, 3 xul 2026

O rexedor explicou que o proxecto municipal, cuxas obras foron licitadas este venres na Xunta Local de Goberno, contempla a remodelación dos máis de 1.000 metros do parque situado entre a Avenida Martínez Garrido e a rúas Palencia, Portela e Jesús Fernández.

O alcalde destacou que o parque combinará o lecer infantil con distintas zonas de xogo, en función da idade dos nenos, e co descanso.

A área destinada aos nenos de menor idade contará con xogos integrados no relevo do pavimento de caucho, que formará pequenas montañas para que poidan rodar, ademais de elementos musicais, así como flores parlantes, camas elásticas, tobogán e tirolina.

A cativada de maior idade gozará con elementos máis complexos como unha gran rede, unha cabana en madeira e un gran tobogán . Trátase dunha área máis activa e dinámica, coa incorporación de elementos de xogo que inclúen o abalo e rotación.

A praza tamén disporá de zonas de descanso, novo mobiliario urbano, como bancos e papeleiras. Ademais, contará cunha instalación de recarga solar para dispositivos móbiles.

O proxecto contempla manter a masa arbórea da praza, xerando a sombra natural do parque infantil.

Caballero explicou que o pavimento das sendas peonís será fotocatalítico (axuda a captar a contaminación do dióxido de nitróxeno e absorbe parte da luz).

Convenios ONGs

O rexedor avanzou que entre os acordos adoptados hoxe pola Xunta de Goberno atópanse tres convenios con organizacións sen ánimo de lucro.

A Asociación Misión do Silencio contará con 80.000 euros do Concello para o comedor social da rúa Urzáiz. A Asociación de persoas xordas de Vigo recibirá 22.860 euros para a prestación do servizo de intérprete de lingua de signos. Ademais, a Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias dispoñerá de 22.000 euros para o programa de respiro familiar a través de talleres de estimulación cognitiva e funcional para persoas con demencias neurodexenerativas.

O importe das axudas aprobadas para as tres institucións ascende a 124.860 euros.

Descargar todas as imaxes