Escoitar

Castrelos terá un “pantallón” para seguir o España-Portugal do Mundial

O Concello de Vigo instalará unha gran pantalla no auditorio ao aire libre para seguir o partido da selección española fronte a Portugal, que se disputará o luns 6 de xullo. A actuación infantil “La gran aventura del Pollo Pepe” programada para ese día adiantarase ás 19:00 horas para poder compatibilizar a utilización do espazo. O rexedor tamén destacou o “concertazo extraordinario” de Deep Purple con 45.000 asistentes.

venres, 3 xul 2026

Abel Caballero anunciou este venres que o Concello instalará unha pantalla xigante no auditorio de Castrelos para seguir o partido do Mundial entre España e Portugal, que se disputará o luns 6 de xullo, logo de que a selección española superara a eliminatoria de dezaseisavos tras vencer a Austria por 3-0.

“Imos montar unha gran pantalla de televisión no auditorio de Castrelos para que toda a xente que queira poida velo xunta”, sinalou, engadindo que na zona de platea se colocarán cadeiras, polo que a capacidade nese espazo estará limitada ao número de asentos dispoñibles, mentres que toda a bancada quedará aberta para o público. Deste xeito, “moitos miles e miles de persoas” poderán presenciar o partido no auditorio municipal.

Caballero animou á cidadanía a acudir a Castrelos para apoiar á selección española nun encontro que definiu como “un gran partido”. “Queremos que nos agrupemos para animar á selección a gañar a Copa do Mundo”, afirmou. O alcalde avanzou ademais que, se España supera a eliminatoria, o Concello manterá a pantalla nos seguintes partidos da selección. “Se gaña, no seguinte partido continuaremos coa pantalla, e se chegamos á final continuaremos coa pantalla”, explicou.

A actuación infantil “La gran aventura del Pollo Pepe” programada para ese día adiantarase ás 19:00 horas para poder compatibilizar a utilización do espazo.

Deep Purple reuniu en Castrelos a 45.000 persoas

Caballero valorou o éxito do concerto de Deep Purple, celebrado este xoves no Auditorio de Castrelos, ao que asistiron 45.000 persoas. O alcalde cualificou a actuación como “un concertazo extraordinario” e destacou que o público chegou ata a estrada, enchendo o recinto para gozar dunha das grandes bandas da historia do rock.

O rexedor salientou que o concerto foi “un gran éxito da opción de Castrelos” e puxo en valor o modelo cultural do Concello, baseado no acceso gratuíto da inmensa maioría do público aos grandes concertos do verán. Segundo explicou, en Castrelos a maior parte das persoas asistentes non pagan entrada e só abonan reserva aquelas que acceden á zona de platea. No caso de Deep Purple, as reservas de platea tiveron un prezo de 15 euros, fronte ao custo que tería un concerto destas características noutros recintos. “O noso modelo é un modelo de igualdade, de que todo o mundo teña acceso á cultura dos concertos”, afirmou.

Descargar todas as imaxes