Escoitar

Nace a Cátedra “Consorcio Zona Franca de Vigo” en Computación de Óptica Cuántica

O alcalde resaltou a relevancia do convenio, que dota de fondos, garante e mellora o traballo realizado ate agora do equipo de investigación do Vigo Quantum Comunication Center. As actividades da Càtedra centraranse no traballo para consolidar o Laboratorio Experimental de Computación Cuántica; a creación e consolidación de oportunidades laborais para investigadores, o avance na investigación e no logro dunha máquina de Ising óptica que sería un gran paso en eficiencia e velocidade de cálculo.

luns, 23 mar 2026

O convenio entre a Zona Franca e a UVigo, que entrará en vigor o 1 de xullo, ten unha vixencia de 4 anos e unha financiación de 240.000 euros ao ano, 120.000 aportará cada organismo, que será destinada a costear as horas do persoal investigador senior postdoctoral que realizará as actividades previstas.

A Cátedra, como dixo o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, “supón unha nova alianza estratéxica coa Universidade que tamén vai posicionar a área de Vigo como referente nesta tecnoloxía clave para a soberanía dixital e a transformación da economía”.

Abel Caballero non quixo deixar de reivindicar unha transformación tecnolóxica que non conte coa dimensión social. “Debemos crear emprego de calidade e reivindicar, especialmente nestes tempos difíciles que vivimos, una tecnoloxía e unha Intelixencia Artificial na que impere a dimensión humana e a social”. Caballero recordou a intervención do Nóbel de Economía 2024, Daron Acemoglu, ao seu paso polo Vigo Global Summit no pasado novembro na que defendeu unha IA “que potencie as capacidades humanas e non as substitúa”.

O reitor, Manuel Reigosa, mostrouse especialmente satisfeito de crear con esta cátedra un espacio de I+D+I “que debe ser útil para as empresas e para a sociedade”. Tamén estivo na presentación o director científico do Vigo Quantum Comunication Center (VQCC), Marcos Curty,  que informou de que “con esta catedra apoiarase a actividade do laboratorio experimental en computación cuántica que se creou recentemente no VQCC en colaboración co CESGA. A computación cuántica, sinalou, permite resolver problemas de maneira moito máis rápida que a computación clásica.

Inés González, directora xeral do Consorcio, tamén incidiu “na alianza estratéxica da Zona Franca coa Universidade de Vigo en todos aqueles proxectos que supoñen transferencia de coñecemento como xa ocorre coa Cátedra ARDÁN”. Finalmente, a senadora e primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, fixo fincapé “na ambición dunha comunidade humana como é a de Vigo que liderada por Concello, Zona Franca e Universidade teñen claro como enfrontar o reto das tecnoloxías para exercer un liderado real”. Silva si chamou a atención “sobre o sesgo de xénero que teñen estos novos sectores e reclamou a presenza do talento de máis da metade do mundo nas tecnoloxías emerxentes e disruptivas”.

As actividades da Cátedra centraranse no traballo para consolidar o Laboratorio Experimental de Computación Cuántica; a creación e consolidación de oportunidades laborais para investigadores, o avance na investigación e no logro dunha máquina de Ising óptica que sería un gran paso en eficiencia e velocidade de cálculo; así como na difusión y promoción desta tecnoloxía entre a comunidade de estudiantes universitarios.

Descargar todas as imaxes