Escoitar

Vigo conta cun novo ascensor entre Romil e Hispanidade

Abel Caballero inaugurou a humanización da rúa Hispanidade, entre Amor Ruibal e Feliciano Rolán, e o ascensor que conecta coa rúa Romil e permite continuar co corredor mecánico entre Beiramar e O Castro. O Concello investiu 1.271.209 euros dos que 945.528 proceden do Goberno de España a través de Fondos Next Generation UE.

venres, 20 mar 2026

Caballero subliñou a importancia estratéxica da actuación, ao tratarse da “penúltima peza” dun itinerario que permitirá conectar o Auditorio Mar de Vigo e a fachada marítima coa parte alta da cidade mediante percorridos accesibles e rápidos.

“Hai oito anos este traxecto era imposible a pé e agora pódese facer en apenas catro ou cinco minutos”, destacou.

O alcalde puxo en valor a dificultade técnica da intervención, xa que o muro existente na zona carecía de sustentación e presentaba risco de derrubamento. “Houbo que refacelo completamente”, explicou, garantindo así a seguridade e estabilidade da infraestrutura. A actuación inclúe tamén a humanización do ámbito, mellorando a accesibilidade e a integración urbana da zona, en continuidade coas obras xa realizadas en Hispanidade.

“A cidade cada vez terá máis presenza na zona baixa, en Beiramar, coa actividade do Auditorio Mar de Vigo e o hub audiovisual que levará adiante Zona Franca que vimos de anunciar, polo que haberá unha gran demanda nesta conexión”, manifestou.

O alcalde avanzou que o Concello continuará co desenvolvemento deste eixo estratéxico, coa actuación pendente entre Camelias e Romil e coa continuidade da humanización en toda a rúa Hispanidade

O Concello investiu 1.271.209 euros dos que 945.528 proceden do Goberno de España a través de Fondos Next Generation UE. O ascensor panorámico ten capacidade para 13 persoas por viaxe. Humanizáronse 170 metros da rúa Hispanidade, onde se instalaron novos pavimentos e beirarrúas e renováronse as redes de saneamento, abastecemento e pluviais. Tamén se colocaron canalizacións para soterrar a iluminación pública e os semáforos e instaláronse novas redes de rega. O tramo conta con novo mobiliario urbano, luminarias, decoración e xardinería.

Descargar todas as imaxes