Escoitar

O alcalde avoga pola ampliación do IFEVI para abrir novos espazos para a economía e atraer outras grandes feiras

Abel Caballero reafirmou hoxe o compromiso de ampliar o IFEVI “canto antes e coa maior velocidade posible” para consolidar en Vigo a organización de grandes feiras, como Conxemar e Navalia, ademais de atraer a outras grandes citas.

mércores, 18 mar 2026

O alcalde cualificou Conxemar como “unha feira para coñecer Vigo, un evento insignia para a cidade”, e destacou a participación dun cento de países. “Isto é moito máis que economía; é unha feira cun enorme valor engadido, que fomenta as relacións internacionais e reforza o carácter de Vigo como cidade de entendemento, comercio e paz”, subliñou.

Caballero eloxiou a “xenerosa visión” da Zona Franca con respecto á futura expansión do IFEVI e concluíu que “para unha cidade que forxou a súa identidade baseada na economía e nos negocios, é imprescindible actuar xa na expansión. Non se trata só de Conxemar ou Navalia se non de abrir novos espazos para a economía e atraer outras grandes feiras. Imos levar a cabo a expansión e farémola canto antes”. O rexedor fixo estas declaracións durante a presentación do Informe de Impacto Socioeconómico da Feira de Conxemar que foi elaborado pola Universidade de Vigo no marco da Cátedra ARDÁN do Consorcio de Zona Franca.

O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, destacou os “datos sobresaíntes do impacto da Feira na área de Vigo, que volveu bater os seus propios números”, xa que en só 3 días consigue o 5 por cento da facturación do sector en toda España”. Regades tamén recalcou a proxección que fai a Cátedra ARDÁN dos beneficios que suporía poder atender toda a demanda de espazos en IFEVI, para insistir na necesidade da ampliación do recinto a fin de blindar Conxemar”. Apuntou que “desde Zona Franca puxémonos mans a obra desde hai moito tempo para achegar unha solución, fomos moi xenerosos ofrecéndonos a financiar a ampliación e esperamos que todo este proceso se peche canto antes. En Vigo non podemos xogarnos a permanencia dun foro internacional como Conxemar, nin perder esta oportunidade xa consolidada para a economía e o emprego, ademais de potenciar o IFEVI para outros usos e atraer novas feiras”.

Informe

O autor do informe, Carlos Rodríguez, do Grupo Rede, explicou que a Feira e o Congreso de Conxemar xeraron 98,4 millóns de euros en produción, contribuíndo con 53,4 millóns de renda á economía de Vigo e a súa área. Ademais, propiciaron a creación de 1.246 postos de traballo, consolidándose como un motor relevante da actividade económica. De feito, o impacto sobre a renda local equivale aproximadamente ao 0,4 por cento do PIB anual da comarca de Vigo.

 

Descargar todas as imaxes