As obras de cubrición do patio do colexio Celso Emilio Ferreiro arrancarán a partir de xuño
A Xunta de Goberno aprobou a licitación dos traballos que permitirán cubrir o espazo de xogos e deportivo deste centro educativo situado en Coia. As obras alcanzan case os 750.000 euros e comezarán unha vez rematado o período lectivo.
Abel Caballero deu conta da licitación das obras de cubrición do patio exterior do colexio Celso Emilio Ferreiro. Cun investimento de 734.203 euros e un prazo de execución de 5 meses, as obras comezarán no verán.
A actuación prevé dotar a zona de recreo cunha cuberta de máis de 1.000 metros de superficie, ademais de incluír bancadas de formigón. Instalarase un paso cuberto desde esta pasa ao edificio principal de aulas, ademais de renovar o pavimento da pista polideportiva, adaptar a zona axardinada e instalar unha rede de evacuación de pluviais.
Neste mesmo centro educativo, o Concello vén de contratar a reparación do muro de pedra situado na entrada do colexio cunha previsión de investimento de máis de 5.000 euros.
Ademais, o Concello xa contratou as obras de reparación da cuberta do edificio principal a da pista polideportiva do colexio Pombal de Lavadores, cun investimento superior aos 11.000 euros.