Caballero destaca o valor da formación dos 75 participantes no programa municipal "Vigo Emprega"
Abel Caballero saudou este xoves ás 75 persoas que ata xullo de 2026 se forman, dentro do programa municipal “Vigo Emprega”, en construccción, albanelería, electricidade, condución, pintura, carpintería de aluminio, carpintería de madeira, construción e xardinería, e que realizan obras de interese do Concello. “En Vigo necesitamos profesionais con formación e esta é unha magnífica ocasión para incorporarse ao traballo” , afirmou Abel Caballero dirixíndose aos profesionais en formación.
O alcalde explicou hoxe que das 75 persoas que se forman durante nove meses, de forma remunerada co programa municipal “Vigo Emprega”, 16 son mulleres.
Caballero destacou que entre os traballos que realizan atópanse obras de interese para o Concello como reformas en edificios e instalacións municipais, entre as que destacan colexios, cemiterios e xardíns, ademais da eliminación de barreiras arquitectónicas. “Un traballo de formación remunerado e útil para a cidade”, sinalou o rexedor.
Educación
Os participantes en “Vigo Emprega” reforman os baños de 10 colexios: Balaídos, Beade Coutada, Candeán Igrexa, Escultor Acuña, Valadares Sobreira, Valle Inclán, Vicente Risco, San Salvador de Teis, Villa Laura e Emilia Pardo Bazán. Tamén realizarán obras nos vestiarios do CEIP Javier Sensat.
Medio Ambiente
As melloras programadas céntranse nos cemiterios de Cabral e Pereiró, e no peche da horta de Navia.
Fomento
O programa contempla eliminar as barreiras arquitectónicas en 15 rúas: Pino, Gran Vía, Valle inclán, Marqués de Alcedo, Cánovas del Castillo, Montecelo Baixo, Portela, Avenida Atlántida, Chano Piñeiro, Arquitecto Alberto Baltar, Freixeiro, Caramuxo, Castrelos, Paz e Honduras. Ademais, construirán beirarrúas nas rúa Babio e Meceiriñas.
Patrimonio Histórico
O proxecto aborda a recuperación do estanque de Castrelos, así como a instalación dun sistema de rega automática. Montes, Parques e Xardíns. Está programada a rehabilitación do viveiro do Castro e construción de canlóns de pedra, ramplas e escaleiras na contorna do castelo do Castro.
Emprego e Participación Cidadá
Os participantes realizan o formigonado da chaira exterior da nave da Florida. Tamén constrúen unha senda peonil na contorna do Centro de Distrito de Saiáns e reforman a sala de exposición do Centro de distrito de Teis-Samil. Ademais, abordarán melloras da cociña do centro de distrito de Teis e a construción dun muro de contención na contorna da asociación veciñal Feira-Cabral.