Caballero pide ao Goberno de España que inclúa Vigo no plan AV350
O alcalde avanza un concerto reivindicativo para “amosar que esta cidade sigue reclamando” a alta velocidade Vigo – Madrid directo por Cerdedo.
"Onte o Goberno de España quitou a Vigo do mapa da alta velocidade e eu reclámoo exactamente igual que o fixen sempre, porque esa é a gran prioridade desta cidade e téñeno que restituír no plan AV350 de forma inmediata", afirmou.
Así, lembrou a súa defensa desta conexión ferroviaria cando gobernaba Zapatero, quen cumpriu a palabra e chegou a ter a declaración de impacto ambiental resolta. Tamén co goberno de Rajoy, “que pararon todo e deixaron caducar a declaración de impacto ambiental polo que Vigo desapareceu da alta velocidade”; e posteriormente con Pedro Sánchez, que avanzou de novo co estudo hidroxeolóxico e os estudos correspondentes”.
O alcalde subliñou que a conexión Vigo-Madrid directo por Cerdedo “estaba e está negociada e acordada co Ministerio de Transportes” e agora “quitárono do mapa do plan AV350”.
Por iso, Caballero avanzou un concerto reivindicativo para que o Goberno de España repoña Vigo no mapa da alta velocidade española e apareza en dito documento.
O rexedor manifestou o seu rexeitamento á “vergoñenta volta de 100km por Santiago coa que Vigo perde case 50 minutos desde que o tren sae de Vigo”.