Escoitar

Caballero: "É unha mala noticia para Vigo o acordo que deixa á cidade sen facultade de Medicina"

Abel Caballero cualificou este martes de “mala noticia” para a cidade o acordo alcanzado este luns polos reitores das universidades galegas para descentralizar a docencia dos tres últimos cursos de Medicina ata o ano 2029, porque exclúe a creación dunha facultade propia en Vigo. “É unha mala noticia porque a Xunta non quere que Vigo teña unha facultade e forzou aos reitores a un mal acordo para esta cidade”, afirmou Abel Caballero ao anunciar que seguirá reclamándoa porque “non vou parar” .

martes, 18 nov 2025

“Vigo é a cidade máis importante de España sen facultade de Medicina” subliñou o alcalde ao recalcar que “temos dereito a tela porque hai 25 cidades máis pequenas que teñen facultade”. Caballero lembrou que numerosas comunidades autónomas contan con máis dun facultade de Medicina mentres a Xunta de Galicia “segue primando os dereitos feudais da Idade Media de Santiago, incomprensibles”.

O rexedor cuestiona as razóns polas que se nega a Vigo contar cunha facultade propia. “Por que ten que haber profesores de Santiago en Vigo cando hai unha universidade? Os profesores da Universidade de Vigo teñen que ser tamén de Medicina”, indicou.

O acordo establece en 2029 o final da descentralización dos tres anos, destacou Caballero ao insistir na reclamación de que “queremos a facultade xa, neste momento, porque temos o dereito a tela e, por tanto, é Rueda, igual que foi antes Feijóo o que quere primar os intereses de Santiago en contra da primeira cidade de Galicia que é Vigo”. O rexedor apela ao resto das formacións políticas da cidade para expresarse sobre a decisión. “Quero que saian dicindo que a Xunta condenou a Vigo a quedar sen quedar sen facultade de Medicina”.

O acordo establece que dos máis de 400 alumnos de Medicina, 100 estudarán en Vigo. “Non comparto en absoluto a decisión de deixar a Vigo sen facultade de Medicina”.

Descargar todas as imaxes