O Marco expón a obra do artista peruano Roberto Huarcaya
O Museo Marco acolle ata o 29 de marzo de 2026 a exposición “Intersticios. Fotogramas 2014-2025”, do artista peruano Roberto Huarcaya. Considerado como un dos artistas máis importantes de Latinoamérica, o alcalde destacou este martes, durante o acto de inauguración da mostra, a forma de entender a luz “por un mestre”.
Abel Caballero destacou hoxe que a obra de Roberto Huarcaya “engancha” aos espectadores pola forma de “entender a arte por un mestre extraordinario” que conta cunha gran sensiblidade e recalcou que a exposición, que se desprega entre o panóptico e a sala de exposicións da primeira planta do MARCO, é “unha filosofía da arte”.
Dirixíndose ao artista, Caballero indicoulle que “o que fixeches é unha filosofía e unha forma na que un simple papel, receptivo á luz, é capaz de converterse a través da túa creación en arte marabillosa”.
Roberto Huracaya indicou que a mostra é unha reflexión sobre Perú, o seu país, e sobre o momento complexo e violento en que se atopa a sociedade. “Son catro espazos para abrir ao espectador á sensibilidade e á reflexión". Sinalou que as obras instaladas no panóptico teñen que ver co ser humano e na sala da primeira planta están presentes ándelos peruanos e as fronteiras da Amazonía e do Océano Pacífico coa finalidade de tomar conciencia do que ocorre en ambos os territorios.
O artista explicou que desenvolveu todo o traballo artístico sen unha cámara fotográfica, con papel fotosensible onde as figuras están iluminadas con luz natural, da lúa ou artificial. “Son sombras”, sinalou ao presentar a obra como un universo de ficción que conta con imaXes de ata tres metros.
Miguel Fernández destacou a linguaxe individual coa que Roberto Huarcaya traslada a súa reflexión sobre a contorna e a realidade peruana e internacional. “Roberto recupera a fotografía antes das fotografía e utiliza papel fotosensible que serve para que os personaxes se abracen a el e uns golpes de flash terminan por definir a imaxe”. Incidiu en que o creador reflexiona sobre a fotografía non como proceso senón como forma de entender a natureza.
Traxectoria
Roberto Huarcaya desenvolveu unha práctica artística centrada no uso de fotogramas de gran formato, realizados sen cámara, que capturan a esencia de diversas paisaxes e personaxes peruanos mediante o contacto directo de elementos naturais con papel fotosensible. Este enfoque permitiulle crear series emblemáticas como Amazogramas, Andegramas e Océanos, que foron expostas en importantes institucións e festivais internacionais, incluíndo a Bienal de Venecia, París Photo e Lles Rencontres d'Arles.