O Concello reclama a reversión da xestión da presa de Eiras por “seguridade”
Javier Pardo reclama á Xunta que Vigo recupere a xestión da presa para o que ofreceu un convenio aos responsables de Augas de Galicia cos que mantivo un encontro esta mañá. Insistiu en que a administración autonómica sabe que hai un problema nas válvulas desde hai sete meses en non actuou ata o de agora.
O concelleiro de Fomento, Javier Pardo, avanzou esta mañá que o Concello reclamou a reversión da xestión de Eiras porque “non nos fiamos” da xestión da Xunta. Ao longo dun encontro con Augas de Galicia, na que tamén estiveron presentes responsables das empresas concesionarias, Pardo propuxo un convenio polo que o Concello asumiría o mantemento de Eiras por unha “cuestión de seguridade”.
Pardo lembrou que a Xunta de Galicia é a titular da presa desde xaneiro de 2023 e desde entón correspóndelle o mantemento e conservación a Augas de Galicia, tal e como se recolle no acordo asinado entre as partes. A este respecto, indicou, a concesionaria autonómica detectou o 9 de abril o fallo das válvulas e non actuaron ata o de agora “cunha neglixencia e inoperancia intolerables”.
No transcurso do encontro, o Concello aceptou a solución técnica aportada pola Xunta para proceder ás obras necesarias, que pasan pola construción dun bypass que facilitará, posteriormente, o cambio das válvulas en seco. Vigo, apuntou o edil, non ten problemas de abastecemento porque conta con 36 horas de marxe pero non ocorre o mesmo con outros concellos da áreas. “Por que non os reuniron para saber con canto tempo conta cada un deles?, preguntou Pardo aclarando que non é unha responsabilidade municipal. Non entanto, avanzou plena cooperación do Concello para acometer uns traballos que xa deberían estar en marcha. “Levan tres anos accedendo á presa e desde hai sete meses saben que hai un problema e non fixeron nada”. O responsable de Fomento tamén afeou a ausencia da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, por non acudir ao encontro dada a importancia do tema.