Escoitar

O Concello esixe á Xunta que encargue de inmediato as dúas válvulas da presa de Eiras que se atopan en mal estado

O Concello esixirá aos responsables da Xunta que repoñan “de forma inmediata as válvulas das tomas de auga da presa de Eiras que están en mal estado”. O alcalde avanzou que na reunión de mañá coa administración galega, na que tamén participará Aqualia, a administración municipal reclamará á Xunta que "levante o teléfono" para encargar as dúas pezas e, se non, que devolva a presa ao Concello .

luns, 17 nov 2025

Abel Caballero avanzou hoxe que no transcurso da reunión de mañá a Xunta debe encargar ao provedor o envío das dúas válvulas da presa de Eiras que se atopan en mal estado.

O rexedor, tas afirmar que a Xunta tardou seis meses en actuar ante o problema que detectou hai dous anos, lembrou que desde xaneiro de 2023, como consecuencia do acordo entre as administracións, a administración galega está obrigada a realizar a conservación, o mantemento das instalacións, e a detección de avarías “porque nos botaron de alí e fixéronse cargo de todo” .

O alcalde acusou á Xunta de levar “tres anos de brazos cruzados e sen facer a deteción do estado das válvulas e sen inspeccionalas nin levalo adiante. Imos esixir que o faga de forma inmediata, na reunión de mañá”, recalcou.

Para Caballero, a actitude da administración galega neste caso é “neglixente e gravísimamente irresponsable”, á vez que se preguntan "para que nos botaron se non son capaces de mantela eles?”. Lembra que goberno municipal xa incluíu no PERTE da auga as dúas válvulas para que fosen financiadas, cun custo de 50.000 euros por cada elemento. “É un investimento ridículo ¿E nin sequera son capaces de detectar iso e de cambiar as válvulas e solucionar a deficiencia?”.

Descargar todas as imaxes