Escoitar

O bus urbano de Vigo proxectará nas súas panatallas a campaña de UNICEF baixo o lema “Acéndete polos dereitos da infancia”

O Concello de Vigo e a empresa concesionaria do transporte público urbano súmanse un ano máis á campaña de UNICEF con motivo do Día Mundial da Infancia, que se celebra o 20 de novembro en todo o mundo. Baixo o lema “Acéndete polos dereitos da infancia”, a iniciativa busca mobilizar á sociedade en favor dos nenos e nenas, iluminando a súa realidade e reivindicando os seus dereitos fundamentais: crecer sans, ir á escola, vivir protexidos e ter igualdade de oportunidades. Durante toda esta semana, proxectarase nas pantallas dos seus autobuses a imaxe da campaña, contribuíndo a dar visibilidade ao traballo de UNICEF e a sensibilizar á cidadanía viguesa sobre a importancia de defender os dereitos da infancia tamén desde o ámbito local. Este ano, UNICEF centra a súa mensaxe na loita contra a desnutrición infantil, unha realidade que afecta a millóns de menores en todo o mundo e que limita a súa capacidade para aprender, medrar e resistir enfermidades. A organización presta servizos de detección temperá e tratamento a millóns de nenos e nenas e promove solucións sinxelas que salvan vidas, como os sobres de alimento terapéutico listo para consumir.

venres, 14 nov 2025
Descargar todas as imaxes