O alcalde reclama á Xunta o inmediato arranxo das válvulas da presa de Eiras
Caballero acusou ao Goberno autonómico de perder 8 meses na resolución das dificultades que está a atravesar Eiras, da que a Xunta é responsable desde xaneiro de 2023. Insistiu na reversión da xestión ao Concello porque xestiona cunha neglixencia “gravísima”.
Abel Caballero lembrou que hai tres anos desde que o Concello entregou a presa de Eiras á Xunta, durante este tempo non realizou inspección algunha e hai 8 meses descubriu que hai unha válvula que ten dificultades. É dunha gravidade “extrema” porque perderon 8 meses e a día de hoxe aínda non están encargadas as válvulas, engadiu. A Xunta, proseguiu, en lugar de asumir os seus erros e acometer a obra de xeito inmediato deixa pasar 8 meses. O alcalde insistiu na reversión da presa e “nós encargámonos de todo desde mañá mesmo”. Na súa opinión, a cidade xestionou durante case 50 anos esa instalación e nunca houbo problemas, actúan cunha “neglixencia gravísima”. Cualificou de “burdas” mentiras as acusacións da Xunta de obstrucionismo por parte dos operarios da concesionaria municipal “como vai obstruír Aqualia se cada vez que entra ten que pedirlle as chaves á Augas de Galicia?, o que queren e ocultar a súa ineptitude”, insistiu.
Respecto da proposta de bypass somo solución técnica, Caballero amosou o acordo do Concello pero advertiu de que a Xunta non entregou documento o proxecto algún, ao tempo que os instou a acometer a obra con celeridade. En calquera caso, explicou, para facer o cambio das válvulas, Vigo ten reserva de auga para 36 horas polo que o bypass só é preciso para abastecer a outros municipios que non teñen esa dispoñibilidade e cos que aínda non contactou a Xunta.
Nas súas declaracións, aclarou que desde o ano 2018 o Concello paga un canon de 600.000 euros anuais para que a administración autonómica determine que obras son precisas na presa e proceda a súa realización. Despois, co chamado canon de regulación, a Xunta traslada o importe ao Concello e nos últimos anos xa se pagaron case 5 millóns. “Non hai desculpas; son ineficientes e neglixentes e están descoidando algo tan importante como o abastecemento”. Neste punto, esixiu a dimisión da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez.