Vigo recibe 8,7 millóns de euros de fondos FEDER para as novas ramplas mecánicas da Gran Vía
Trátase do Plan de Actuación Integrado Vigo Vertical Gran Vía - As Travesas - Castrelos cun importe de 20 millóns de euros. A principal actuación consiste na construción das ramplas mecánicas entre a Praza de América e a Praza de España.

Abel Caballero deu conta da adxudicación de 8,7 millóns de euros de fondos europeos FEDER “para unha gran operación de transformación na cidade”. Caballero augurou que os fondos “se ampliarán” porque o proxecto de Vigo pode achegarse ata os 14,5 millóns dentro desta liña de financiamento.
Entre as actuacións a proposta máis destacada é a construción das ramplas mecánicas da Gran Vía, entre a Praza de América e a Praza de España – que non danarán a estrutura do bulevar, segundo informou o alcalde –.
Amais, o proxecto conta con outras actuacións na zona das Travesas e Castrelos como a transformación do complexo deportivo das Travesas para a mellora da eficiencia enerxética, actuacións en materia de vivenda a través da Oficina de Rehabilitación, dinamización comercial “para evitar a desertización do comercio en varias zonas porque o comercio de proximidade é imprescindible na modernización das cidades”, a humanización da contorna da rúa Gerona, humanización da contorna do pavillón deportivo e tamén das rúas Manolo Martínez e Tranviarios, o novo carril bici que conectará Praza de América co Parque de Castrelos, rehabilitación do Museo Liste e o Pazo Quiñones de León, mellora ambiental e adecuación ao cambio climático do parque de Castrelos, adecuación da contorna de Santo Tomé de Freixeiro, dixitalización do patrimonio cultural, PassVigo como sistema de pago NFC para o seu funcionamento en móbiles e outros dispositivos electrónicos, adquisición de autobuses eléctricos para o transporte público e a electrificación das cocheiras municipais.

