O XXV Congreso de xogadores de azar reúne a expertos, afectados e familias en Vigo
A concelleira de Política Social participou este xoves na presentación do encontro que abordará a soidade das persoas adictas, a prevención, a sensibilización e contará co testemuño de enfermos, familias e profesionais.

Durante tres xornadas, a cidade será o escenario de debate e reflexión da man de expertos, familias e persoas afectadas no XXV Congreso FEJAR 2025 que se desenvolve baixo o lema “Remando cara a rehabilitación” coa presenza de máis de 300 persoas inscritas de once comunidades autónomas.
Yolanda Aguiar, concelleira de Política Social, avanzou que as xornadas tratarán a adicción ao xogo e as adiccións sen substancias que preocupan ás administracións públicas. Así, expuxo que o goberno municipal impulsou un estudo sobre os trastornos conductuais da mocidade por adiccións (videoxogos, a xogos online, pornografía en rede) e os datos son preocupantes. “Comezan a idades moi temperás”, a diferencia do que acontecía antes, “polo que debemos reenfocar a prevención e a abordaxe da saída destas adiccións” que teñen “consecuencias enormes” porque se xoga en soidade cando antes se acudía a espazos públicos. “Hoxe a forma de adquirir a adicción é en soidade” e o 30% das mozas e mozos refiren sentirse sós e non ter con quen falar. Ademais explicou que o Concello está elaborando o IV Plan de Loita e prevención de adiccións con substancia e sen substancia.
Juan Lamas, director terapéutico de Agaja e coordinador do XXV Congreso FEJAR agradeceu a preocupación e sensibilización do Concello ante as adiccións dos máis novos e avanzou que a soidade, a prevención, as vivencias de persoas afectadas e das familias, a presenza do nutricionista Pablo Ojea e a experiencia de profesionais serán os eixos sobre os que xiren as xornadas.
Ademais, sinalou que segundo os seus datos, máis dun 20% dos estudantes galegos de entre 14 e 18 anos recoñecen que xogan a algún tipo de xogo de azar, algo ilegal, e máis do 20% das familias recoñecen complicidade coa adicción dándolles aos fillos a paga semanal para que fagan apostas deportivas.
Pola súa banda, Gerardo Rodríguez, secretario da Federación Española de Xogadores de Azar Rehabilitados, aludiu ao lema do congreso “Remando cara a rehabilitación” apuntando a importancia de que ese camiño non se faga en soidade.

