Escoitar

Caballero valora a ocupación hoteleira no mes de setembro

Setembro rexistrou a mellor ocupación dos últimos cinco anos, segundo explicou o rexedor, que avanzou tamén a adxudicación da contratación das obras de humanización de Clara Campoamor, entre Ramiro Pascual e o Hospital Álvaro Cunqueiro, por un importe de 1.232.534,85 euros.

venres, 3 out 2025

No mes de setembro os hoteis de Vigo rexistraron a mellor ocupación hostaleira dos últimos 5 anos, cunha media do 78,4%, o que o rexedor estableceu como “un novo récord” e “un nivel propio de tempada altísima”. Como explicou a cifra é un 1,34% superior ao mes de setembro do ano pasado.

O 51,13% dos turistas que se aloxan en Vigo son do resto de España e o 10,32 doutras partes de Galicia. O 38,55% restante son internacionais, que se distribúen do seguinte xeito: 19,17% de Portugal; 18,83% de Estados Unidos; 10,51% de Reino Unido; 7,53% de Alemaña; 4,39% de Francia e un 4,38% de Italia.

Clara Campoamor

Abel Caballero tamén explicou esta mañá a adxudicación en Xunta de Goberno Local da contratación das obras de humanización de Clara Campoamor, entre Ramiro Pascual e o Hospital Álvaro Cunqueiro, por un importe de 1.232.534,85 euros. Entre as actuacións destaca a renovación da calzada e instalación de beirarrúas e a renovación de redes de drenaxe, saneamento e abastecemento e iluminación pública.

Deste xeito realizase a mellora da a seguridade viaria de peóns e vehículos, creando novas beirarrúas nos tramos de maior concorrencia, dotando de zonas de embarque e desembarque seguras ás paradas de autobús e creando dous pasos de peóns regulados por semáforo. A segunda fase da humanización de Clara Campoamor é continuación das obras que o Concello realizou en 2023 nas dúas marxes, dende o Camiño Canotais ata a rotonda de acceso a VG20. O alcalde sinalou que “esta obra tería que realizala a Xunta de Galicia, como fai noutras cidades, xa que Clara Campoamor é o vial de acceso ao hospital”, pero “unha vez máis a Xunta non está e o Concello asume o seu lugar”.

 

Descargar todas as imaxes