Escoitar

Comezan as obras do ascensor entre Marqués de Valterra e Torrecedeira

Trátase dun segundo ascensor que discorre pola rúa Juan Ramón Jiménez e que forma parte do corredor entre a zona do Auditorio Mar de Vigo e Hispanidade. O alcalde tamén informou da pavimentación de varias rúas no barrio de Casablanca. En canto á vivenda, o Concello segue no desenvolvemento de solo para a edificación no ámbito de Alcabre.

xoves, 19 xuñ 2025

A cidade contará cun novo ascensor público nun prazo de 8 meses. Esta semana comezaron as obras para erguer o situado na rúa Juan Ramón Jiménez, entre Marqués de Valterra e Torrecedeira, dentro do programa Vigo Vertical. Tal e como sinalou o rexedor, é o segundo ascensor da zona, que se suma ao que xa está en funcionamento na rúa Instituto Oceanográfico.

O alcalde explicou que esta actuación, que ten un orzamento de máis dun millón de euros, supoñerá un paso máis para completar o corredor mecánico que vai desde Beiramar ata Hispanidade, na parte alta da cidade.

Así, o corredor está conformado por dous ascensores de Marqués de Valterra a Torrecedeira (un por Instituto Oceanográfico e o futuro de Juan Ramón Jiménez), o ascensor entre Torrecedeira e Pi y Margall (polo Parque Camilo José Cela), o ascensor de Menéndez Pelayo con Camelias e os futuros ascensores entre Camelias e Romil e entre Romil e Hispanidade.

Vivenda

O goberno local segue traballando no desenvolvemento de solo para a construción de vivenda en Vigo. Neste caso, a Xerencia de Urbanismo aprobará a edificación na zona de Alcabre, nas rúa Castaña – Freixeiro, ao lado de Villa Solita. Segundo explicou o alcalde, son más de 8.000 metros cadrados para 52 novas vivendas. Amais, o plan prevé novo viario para unir a rúa Marín cara a Samil.

Pavimentación no barrio de Casablanca

Abel Caballero informou que o Concello aprobará en Xunta de Goberno a licitación dos traballos para a pavimentación das rúas Brasil, Cuba, Santo Domingo e Guatemala. Un investimento de máis de 105.000 euros no barrio de Casablanca e unha estimación de 4 meses para a realización das obras.

Descargar todas as imaxes