Abel Caballero: “Destinaremos 130.000 euros á substitución da cuberta da bancada do campo de fútbol de Samil”
O rexedor tamén explicou que con motivo da celebración de San Xoán, haberá un servizo especial de transporte urbano cara Samil, tanto diurno como nocturno.

A Xunta de Goberno Local aprobará mañá a licitación da obra de substitución da cuberta da bancada do campo de fútbol de Samil, que contará cun importe de 130.765,44 €. Os traballos contemplan a substitución do material de cobertura para resolver os problemas existentes de oxidación pola proximidade da instalación deportiva ao mar.
Como indicou o alcalde, desmontarase a cuberta completa de chapa, deixando vista a estrutura para eliminar corrosións nos elementos de aceiro e finalmente, instalar a nova cuberta de paneis de chapa de aceiro cunha superficie total aproximada de 984 m2. Caballero rematou destacando que “seguiremos recuperando toda a zona deportiva de Samil, unha zona tan importante que volverá a ser usada con todas as garantías de seguridade”.
San Xoán
Con motivo da celebración da noite de San Xoán, o luns 23 de xuño, activarase un servizo especial reforzado que facilitará os desprazamentos ata Samil e outras zonas da cidade, co obxectivo de garantir unha mobilidade cómoda, segura e sostible durante unha das noites máis festivas do ano. Como explicou Abel Caballero, “o ano pasado, preto de 2.000 persoas utilizaron este servizo especial”.
Desde as 19:00 horas, todas as liñas regulares cara a Samil veranse reforzadas con frecuencias especiais:
- Parada Choróns (Travesía de Vigo, nº7): liñas C3d, L4C, L15A, L15B, L15C e L23, cunha frecuencia media de 5 minutos.
- Parada Policarpo Sanz: liñas C3i, L10, L15B e L15C, cunha frecuencia de 8 minutos.
- Parada Praza América: liñas C3d, L4C, L10 e L15A, tamén con 8 minutos de frecuencia media.
Ademais, porase en marcha un servizo nocturno especial:
- Liña N1, con percorrido circular entre Samil e o centro da cidade, pasando por puntos clave como Camelias, Gran Vía, Urzaiz, Beiramar ou Torrecedeira.
- Liña C1, con saídas desde Praza América ás 20 e 50 minutos de cada hora, entre as 22:50h e as 03:20h.