Vigo estrea o Centro de Interpretación da candidatura das Illas Cíes
O alcalde visitou este xoves o Centro de Interpretación da candidatura das Illas Cíes a Xeoparque Mundial da Unesco, situado na Oficina Municipal de Turismo na rúa López de Neira, desde onde se achegará á cidadanía e aos visitantes os valores do arquipélago.

Abel Caballero eloxiou o traballo realizado pola candidatura na Oficina de Turismo de Vigo ao crear un espazo expositivo para visibilizar o traballo científico e divulgativo que sustenta a candidatura das Illas Cíes a Xeoparque Mundial da Unesco.
O Centro de Interpretación, situado na rúa López de Neira número 8, acolle unha exposición distribuída en paneis cunha visión global sobre distintos aspectos do patrimonio natural das Illas Cíes. Abórdanse temáticas como o papel dos Xeoparques Mundiais da UNESCO na conservación da xeodiversidade, a evolución xeolóxica das illas desde a Orogenia Hercínica ata os procesos actuais, os principais Lugares de Interese Xeolóxico (LIX) identificados no arquipélago e a súa relevancia científica, así como a biodiversidade e protección ambiental das illas no contexto do Parque Nacional Marítimo- Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e da Rede Natura 2000.
O espazo conta con recursos dixitais que enriquecen a experiencia interpretativa, como unha tablet integrada na mesa, que permite acceder a contidos interactivos sobre os Lugares de Interese Xeolóxico catalogados nas Illas Cíes, facilitando a súa localización e comprensión.
Ademais, o Centro de Interpretación ofrece contidos audioguiados en galego, castelán e inglés mediante códigos QR, adaptados a persoas con discapacidade visual e auditiva e dispón dunha pantalla para a visualización dos materiais vinculados á candidatura. Pode accederse tamén a toda a documentación xerada no marco do proceso desenvolvido cara á declaración das Cíes como Xeoparque Mundial da Unesco.
Na visita estiveron presentes membros do Comité Científico da candidatura, entre eles, Irene Alejo e Gonzalo Méndez, da Universidade de Vigo; Carlota Barañano e Antía Rodríguez, así como os responsables da obra do novo espazo: Juan Gallego e González Méndez.

