Expertos debaterán na Casa das Artes sobre novas formas de acceso á cultura
Baixo o título “Novas formas de ver, facer e habitar a cultura”, un grupo de expertos reflexionará sobre os cambios que está a experimentar a arte contemporánea. A cita, de acceso libre ata completar aforo, será o mércores 25 de xuño ás 19:30h na Casa das Artes.

O próximo mércores 25 de xuño, ás 19,30 horas, terá lugar na Casa das Artes de Vigo unha charla coloquio que, baixo o título “Novas formas de ver, facer e habitar a cultura”, propón unha reflexión colectiva sobre os cambios que está experimentando o feito cultural contemporáneo. A actividade reunirá a profesionais da arte, a investigación e a xestión cultural para debater sobre como accedemos hoxe á cultura, que formas adopta, e de que maneira están emerxendo voces, linguaxes e espazos ata o de agora menos visibles no panorama artístico.
O encontro estará moderado polo historiador e comisario Carlos López Bernárdez, especialista en arte galega do século XX, autor de numerosas publicacións e comisario da exposición Non Fun, que actualmente se exhibe na planta baixa do centro.
Participarán como relatores:
-Pilar Alonso, artista visual viguesa cuxa obra, centrada na pintura e a instalación, investiga a relación entre espazo, corpo e identidade. O seu proxecto Non Fun exponse actualmente na Casa das Artes.
-Oswaldo García, doutor en Comunicación Audiovisual e docente na Universidade de Vigo, especializado en novos medios, creación audiovisual e transformación das industrias culturais.
-Alfons Freire, licenciado en Filosofía, artista visual e deseñador editorial, creador do espazo cultural Cubo en Vigo e investigador das linguaxes dixitais aplicadas á arte contemporánea.
A entrada é libre ata completar aforo.