Escoitar

O alcalde celebra a celeridade na autorización da fábrica de microchips en Vigo

“Unha gran noticia”, valora o rexedor, tras a luz verde do Estado á planta de chips fotónicos cun investimento de 17,2 millóns de euros, que situará a cidade “á altura de Francia e Alemaña” como centros de produción da Unión Europea.

mércores, 18 xuñ 2025
Infografía da futura fábrica de microchips
Infografía da futura fábrica de microchips

O Consello de Ministros vén de autorizar a participación do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través da Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica (SETT), na empresa viguesa de fotónica integrada SPARC que, á súa vez, está participada pola SETT, o xigante tecnolóxico INDRA, Vigo Activo e a Zona Franca de Vigo.

Abel Caballero puxo en valor a celeridade do Goberno na resolución desta petición, lembrando que hai catro meses que abordou este tema co Ministro de Tecnoloxía, Óscar López. “É unha gran noticia”, apunta, e “isto é o principio, o mundo precisa microchips e Vigo desenvolve a tecnoloxía de fotóns que soamente temos nós”.

Coa factoría que se instalará no Parque Tecnolóxico de Valadares, “Vigo sitúase á altura de Francia e Alemaña”, que van ser os tres grandes centros de produción de microchips da Unión Europea. Trátase dunha tecnoloxía clave para a autonomía estratéxica española e europea, vital nos sectores de defensa e aeroespacial.

A luz verde do Goberno á fábrica de chips fotónicos de Vigo supoñerá unha inxección de 17,2 millóns de euros. A operación realízase co modelo de coinversión da SETT, apostando pola colaboración público-privada en sectores estratéxicos como o das tecnoloxías avanzadas

Este investimento no SPARC forma parte do PERTE Chip, previsto polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Tal e como lembrou o alcalde, o Goberno de España xa concedera 3 millóns de euros do Perte Chip a este proxecto vigués e ademais, a Cátedra Chip da Universidade de Vigo recibiu unha subvención de 4,7 millóns de euros para poder formar ao persoal de enxeñería que traballará na construción de microchips fotónicos.

Descargar todas as imaxes