Escoitar

O domingo 6 de xullo Navia acolle a "IV Carreira e andaina solidaria camiñando polo dano cerebral"

Sensibilizar e concienciar sobre a transcendencia dos hábitos de vida saudables na prevención dos danos cerebrais adquiridos e reivindicar os dereitos e necesidades das persoas afectadas, son os dous eixos da “IV Carreira e andaina solidaria” organizada para o próximo domingo 6 de xullo, que hoxe se presentou no Concello.

xoves, 19 xuñ 2025

Na presentación do evento participou a concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar, que explicou que a nova edición da “Carreira e andaina solidaria camiñando polo dano cerebral” conmemora os 25 anos de actividade das tres sedes da asociación Alento en Galicia, Vigo, A Coruña e Santiago. Yolanda Aguiar lembrou que a entidade recibiu este ano o recoñecemento como “Vigués Distinguido” polo seu traballo desde Navia.

Luciano Fernández Pintor, presidente de Dano Cerebral Galicia, puxo en valor os 25 anos de traxectoria da asociación que, con esta carreira quere visibilizar o dano cerebral e promover a importancia dos hábitos saudables. Jesús Vilchez, voceiro de Alento destacou que a carreira discorrerá por Navia, coa sede da asociación como punto de encontro, á vez que animou a participar na iniciativa solidaria. Agradeceu as achegas de Discamino, Vodea e do Real Club Celta.

Participación

A carreira está aberta á participación de persoas de todas as idades e capacidades. Conta con cinco modalidades: absoluta, con 5 quilómetros; sub 16 e sub 14 de 1.200 metros; sub12 e sub 10 de 600 metros, pitufos de 100 metros e andaina con 5,5 quilómetros. As persoas interesadas en participar na iniciativa solidaria poderán inscribirse ata o día 2 de xullo a través da plataforma de Magma Sports.

 

 

Descargar todas as imaxes