O goberno de Vigo logra ampliar a duna do Vao en 1.430 metros cadrados
O alcalde visitou este martes a praia do Vao para comprobar a evolución dos traballos de recuperación do sistema dunar que nun período de dous anos medrou 1.430 metros cadrados.

O goberno municipal continúa o traballo de rexeneración dos espazos dunares dos areais vigueses que está acadando resultados positivos. No caso da praia do Vao, declarado Espazo Natural de Interese Local (ENIL) en 2020, as medidas establecidas desde o ano 2022 conseguiron que a duna se ampliase en 1.430 metros cadrados.
A acción combinada da creación dunha nova zona dunar, a colocación de captadores de area e a limitación da limpeza mecánica só á temporada estival, permite esta evolución favorable. Así, segundo os datos municipais, se en 2013 en momentos de pleamar viva, o mar entraba máis de 6,5 metros cara ao interior da duna, en 2022, a marea quedou a 12 metros do peche dunar.
Abel Caballero explicou que nestes momentos están traballando no espazo dunar 17 persoas que forman parte do plan de emprego municipal: mellorando os accesos aos areais, as zonas axardinadas ou na eliminación de plantas invasoras para continuar a recuperación da superficie de praia e dunas.
Praia do Baluarte
O rexedor referiuse tamén á recuperación da Praia do Baluarte, en Coruxo, que vén de gañar 1.000 metros cadrados ao incorporar area de gran pureza procedente das dunas existentes na zona do Arenal, no centro da cidade. Así, o goberno municipal traballa para reducir o impacto das ondas sobre o areal e frear a perda constante de area do espazo.
Amais, segue avanzando a obra de rexeneración do paseo de Samil que financia o Goberno de España cun investimento de 2.126.151 euros, e que permitirá conformar “un paseo novo e a humanización da rúa”, na que o Concello inviste 1,8 millóns de euros. Os traballos están permitindo recuperar parte da duna que se atopaba soterrada e para Caballero conseguirá “poñer a zona de praias, de baño e de natureza á altura do que significa Vigo”.