O goberno de Vigo aproba as bases para as becas de comedor, libros e material escolar
O alcalde garante que estarán a disposición dos beneficiarios ao comezo do curso escolar. O Concello dedica máis de 2 millóns de euros ás becas de comedor.

“Estamos en condicións de garantir que as becas o próximo ano se asignen antes de que comece o curso escolar”, expresou o rexedor. A Xunta de Goberno deu luz verde ás bases das becas comedor, libros e material escolar para o curso 2025/2026.
Caballero explicou que a contía das bolsas de comedor é de 1.292.000 “ampliable en todo o que sexa preciso” e lembrou que o Concello tamén adica 640.000 euros a FOANPAS para esta encomenda. Nas bases, co fin de determinar a renda permitida para a solicitude, queda excluído o alugueiro ou hipoteca de ata 600 euros.
Outras das axudas aprobadas na Xunta de Goberno foi para libros e material escolar para persoas cunha situación económica “difícil”. O importe é de 135.000 euros.
O prazo para solicitar as axudas abrirase unha vez se publique a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. O ano pasado o Concello outorgou 4.000 becas de comedor e 1.500 axudas de libros e material escolar.