Escoitar

O goberno municipal inicia a tramitación para construír a Escola Municipal de Música de Bembrive

O Concello dá os primeiros pasos para a construción da Escola Municipal de Música de Bembrive co inicio da expropiación dunha parcela situada ao lado do Centro Helios. Caballero avanzou que o Plan Xeral recolle solo para actuacións de equipamentos locais en outras moitas zonas da cidade.

venres, 14 feb 2025

Urbanismo vai iniciar a expropiación de solo para a construción de equipamentos públicos en Bembrive. Concretamente, o Concello farase con dúas parcelas emprazadas en solo urbano consolidado, ao lado do centro Helios. Nunha delas, de 1.527m2, vaise instalar a Escola Municipal de Música de Bembrive, mentres que a segunda, de 1.622m2, será destinada a outro equipamento local para a parroquia. Tal e como explicou o rexedor, estas son as primeiras actuacións de equipamentos locais recollidas no Plan Xeral que está a punto de aprobarse e que incluirán iniciativas similares en outras moitas zonas da cidade.

Paseo do Lagares

Outro dos asuntos que se abordará na Xerencia de Urbanismo do martes que vén será a adquisición dunha parcela situada en Severino Cobas que permitirá mellorar os accesos ao río Lagares. Caballero lembrou que o Concello segue abrindo espazos para conectar o paseo coa cidade coa compra dunha construción situada á altura do número 69.

O Concello tratará de rehabilitar a edificación, que se corresponde cun antigo muíño, unha vez que os técnicos determinen se é posible a súa conservación.

 

Descargar todas as imaxes