O Concello dá un novo paso do Plan de Sostibilidade Turística de Bouzas, con 2 millóns de investimento
O alcalde anunciou hoxe a adxudicación do servizo de apoio técnico para a execución do Plan de Sostibilidade Turística en Bouzas, que contempla un investimento de 2 millóns de euros “para potenciar toda a zona e a afluencia turística”. Caballero explicou que se trata do “paso que nos quedaba por dar e xa está feito”.

Abel Caballero lembrou hoxe que os dous millóns de euros a investir na promoción turística de Bouzas proceden da transferencia do Goberno dos fondos europeos Next Generation EU do Ministerio de Industria e Turismo.
O alcalde explicou que o plan contempla a renaturalización do litoral, coa creación de novos espazos verdes con zonas axardinadas, plantación de especies autóctonas de arborado, arbustiva e herbáceas; ademais da xestión dos residuos coa recolleita porta a porta para os establecementos adscritos.
A estas melloras súmase unha nova iluminación e a humanización rúa da Paz, que empezará dentro de dous meses.
As accións para desenvolver conlevan a promoción dixital do centro histórico de Bouzas e a Brincadeira, así como a creación dunha páxina web específica para o acceso a recursos e servizos, “porque queremos facer da festa da Brincadeira outro dos grandes atractivos da cidade, e outro dos elementos de lecer das viguesas e dos vigueses”.
O alcalde detallou que os cambios mellorarán a rede de conectividade do Concello e permitirán a rexeneración da contorna urbana de todo o conxunto de Bouzas. Tamén levará a cabo a potenciación cultural e artística, ademais de favorecer a mobilidade peonil.



