A capela de Pereiró abre as súas portas logo dunha restauración de 40.000 euros
O alcalde visitou este venres o recinto tras o remate das obras de mantemento e reparación executadas dado o “nivel de deterioración importante” que presentaba.

“Deixámola nas condicións óptimas e está marabillosa” afirmou Abel Caballero tras achegarse a coñecer o resultado das obras de reparación e mantemento executadas na capela do cemiterio municipal de Pereiró.
Tal e como apuntou, o goberno municipal investiu máis de 40.000 euros na mellora do edificio que presentaba un “nivel de deterioración importante” que obrigou a pechala ao público. As actuacións consistiron no arranxo das filtracións de auga, na reposición das tellas, na reparación dos falsos teitos ou na impermeabilización da cuberta.
Ampliación horaria cemiterios
O rexedor informou da ampliación horaria dos cemiterios municipais de Pereiró, Beade, Bembrive, Cabral, Candeán, Lavadores, Teis e Zamáns con motivo da festividade do Día de Defuntos. Os camposantos permanecerán abertos ininterrompidamente desde as 9 horas da mañá ata as 18:30 horas da tarde os días 30 e 31 de outubro e os días 1 e 2 de novembro.


