Comezan as obras que permitirán a rexeneración urbana do Barrio do Cura
O alcalde acudiu ao inicio das obras e sinalou a actuación como “un fito histórico na cidade”. O Barrio do Cura suporá 264 novas vivendas – o 30% de protección oficial segundo estableceu o Concello –, unha zona urbana rexenerada con servizos, dotacións, aparcadoiro e zonas verdes. As rúas Llorente e Santa Marta terán 5 metros máis de ancho, o miradoiro do Paseo Alfonso XII prolongarase por diante das construcións ata chegar a Santa Marta e o túnel desde Portal do Sol desembocará en Torrecedeira. “É unha das grandes transformacións da cidade”, declarou.