O Concello inviste máis de 100.000 euros en melloras no pavillón e no campo de fútbol de Bouzas
O Concello iniciará o luns a rehabilitación da cuberta do pavillón de Bouzas para que en dous meses estea en “óptimo” estado para a súa utilización. De xeito paralelo, tamén comezará a obra de mellora dos vestiarios do campo de fútbol Baltasar Pujales. O importe conxunto alcanza os 122.000 euros.
O alcalde avanzou esta mañá o inicio dos traballos de rehabilitación da estrutura da cuberta do pavillón de Bouzas para que poida ser usado “o antes posible”. Cun orzamento de 75.000 euros e un prazo de execución de dous meses, repararanse os puntos de apoio das vigas da cuberta e solucionaranse problemas de filtracións.
Ao mesmo tempo, o goberno local desenvolverá os traballos de reparación dos vestiarios do campo de fútbol de Bouzas. Cun orzamento de 47.000 euros, en dous meses estas instalacións do Baltasar Pujales estarán nas “mellores condicións”, dixo o rexedor. Entre outras cuestións, vanse reparar os alicatados, os falsos teitos, a iluminación, as billas ou a pintura.
Tal e como dixo o rexedor, hoxe mesmo, aprobouse unha asistencia técnica para o estudio do estado dos vestiarios de todos os campos de fútbol, municipais e privados. “Queremos que os vestiarios estean nas condicións que require o século XXI”, concluíu o rexedor.