O Concello renovará os vestiarios dos 17 campos de fútbol municipais
A Xunta de Goberno Local aprobará a adxudicación dunha asistencia técnica para analizar o estado dos vestiarios e remodelalos. Amais, o goberno municipal avanza na tramitación das obras da Avenida de Madrid e interpoñerá un recurso contencioso administrativo contra o Concello do Porriño pola débeda da auga.
O alcalde adiantou a aprobación por parte da Xunta de Goberno Local da adxudicación dunha asistencia técnica para o estudo do estado dos vestiarios dos 17 campos de fútbol municipais, por un importe de 30.000 euros. O obxectivo é facer unha valoración da situación das instalacións e presentar propostas co fin de “renovar ou construír de novo os vestiarios en todos os que sexa preciso. E tamén atenderemos os campos privados”, dixo.
Avenida de Madrid
“Seguimos adiante coa renovación total da Avenida de Madrid”, apuntou Caballero, unha vez que a Xunta de Goberno Local dea luz verde mañá á licitación do servizo de coordinación e saúde das obras por un importe de 113.000 euros co fin de que “inmediatamente despois do Nadal iniciemos a obra”.
A obra de remodelación da Avenida de Madrid ten un orzamento de case 17 millóns de euros: 11,7 millóns achegados polo Goberno de España e case 6 achegados polo Concello. Tal e como sinalou o rexedor, cando estea rematada a obra, a Avenida de Madrid “deixará de ser unha autovía de entrada para ser unha gran avenida de entrada á cidade” e unha vez remata da obra “quedaremos con ela definitivamente”.
Recurso O Porriño
Abel Caballero avanzou tamén a interposición dun recurso contencioso administrativo contra o acordo plenario do Concello do Porriño de aprobación definitiva do seu orzamento para 2024. Tal e como explicou, O Porriño segue debendo 5,9 millóns a Vigo polo pago da auga que recibe do encoro de Eiras, tal e como o Concello de Vigo advertiu nas alegacións presentadas á aprobación inicial dese orzamento, que foron rexeitadas.
O alcalde sinalou este xoves que o Porriño “se nega a pagar a Vigo. Nós tendémoslle a man para acordar un sistema de pago e unha periodicidade, como tivemos co anterior goberno, pero como dixo que non, imos de novo aos tribunais. Non hai outra saída que a xudicialización. Decidirán os tribunais e temos unha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.