Zona Franca, Cámara de Comercio e Gradiant dan o pistoletazo de saída ao proxecto startTIC
Abel Caballero asistiu á sinatura do convenio que regulará a incubadora de alta tecnoloxía que será clave para o polo TIC de López Mora. Na súa intervención, sinalou que “temos que ocupar todos os lugares e espazos desta revolución tecnolóxica porque é a chave da economía e do emprego e ninguén nos vai parar”.
A incubadora de alta tecnoloxía en sectores estratéxicos emerxentes en Europa, startTIC, que liderará a Zona Franca coa participación da Cámara de Comercio e Gradiant, dá un paso máis para a súa posta en marcha e converterse nun proxecto de referencia en Vigo. A sede do Consorcio acolleu a sinatura do convenio por parte das tres organizacións coa presenza do delegado especial do Estado, David Regades, o presidente da Cámara, José García Costas, e o director xeral de Gradiant, Luis Pérez Freire. Ao acto tamén asistiu o alcalde de Vigo e presidente da CZFV, Abel Caballero.
Durante a súa intervención, o rexedor quixo darlle a maior transcendencia posible á sinatura deste convenio “porque detrás está o peso de Vigo e o que estamos a facer con este acto será parte da historia da cidade, porque é o punto de partida. Xa non hai fondos europeos que nos digan que non, todo o que pedimos nós está pasando e temos que aproveitar esta oportunidade”. O alcalde sinalou que “temos que ocupar todos os lugares e espazos desta revolución tecnolóxica porque é a chave da economía e do emprego e ninguén nos vai parar”. O hub TIC será unha lanzadeira TIC. "Xa o fixemos coa automoción, fixémolo no naval e agora volverémolo facer coas novas tecnoloxías".