Escoitar

Abel Caballero inaugura as ramplas mecánicas da rúa Escultor Gregorio Fernández

O alcalde asistiu este mércores á posta en funcionamento das cinco novas ramplas mecánicas da rúa Escultor Gregorio Fernández, que salvan unha pendente do 13 por cento. “Resolvemos o problema máis importante da rúa”, afirmou. A humanización e instalación destes elementos mecánicos supón un investimento de máis de 2,6 millóns de euros, o 75% financiado cos fondos europeos Next Generation EU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

mércores, 23 out 2024

Abel Caballero lembrou que as cinco novas ramplas que están operativas desde hoxe na rúa Escultor Gregorio Fernández hai que encaixalas no conxunto do “gran corredor” que parte desde o Areal e ascende ata o Barrio de Ribadavia a través de distintos elementos mecánicos.

“Estamos a facer un sistema de mobilidade completamente distinto. O modelo é poder resolver toda a altura de Vigo a través de medios mecánicos”, incidiu o alcalde.

Caballero anunciou que o Concello seguirá poñendo ramplas mecánicas e ascensores en distintas rúas de Vigo e que, en paralelo, refórzase o servizo de mantemento “para que o funcionamento sexa continuo”.

Entre os datos destacados por Caballero figuran os 2 millóns de viaxes que se realizarán este ano a través do HALO, así como os máis de 10 millóns rexistrados nas ramplas da Gran Vía e os máis de 3 millóns que se contabilizarán nas de Escultor Gregorio Fernández.

As novas ramplas da rúa Escultor Gregorio Fernández foron financiadas ao 75 por cento, un total de 1.911.58 euros, polo Goberno de España a través dos Fondos Next Generation para o ministerio de Economía, Comercio e Empresa.

Descargar todas as imaxes