Escoitar

O orzamento de Cultura para 2025 medra en 1,5 millóns de euros

Abel Caballero detallou este xoves o presuposto para a área de Cultura do goberno municipal que sobe un 8,2% ata os 18,5 millóns de euros para “atender todo” o ámbito co fin de que Vigo “siga sendo a cidade da cultura”.

xoves, 24 out 2024
Pazo de Castrelos
Pazo de Castrelos

O orzamento municipal para área de Cultura chegará en 2025 a 18.544.050 euros, 1.529.601 euros máis que en 2024, tal e como explicou o rexedor que debullou algunha das partidas máis destacadas: a de bibliotecas públicas de 1.150.000 euros; museos e equipamentos sumarán 3.240.318, 731.000 euro máis ca este ano; o programa de arte urbana está dotado de 450.000 euros para crear novas medianeiras de arte ao aire libre; a programación cultural recibirá 197.000 euros; o Auditorio municipal con 350.100 euros, 230.000 para a programación e 120.100 euros para a xestión e a programación do Auditorio Mar de Vigo recibirá 500.000 euros.

O goberno municipal dedicará en 2025 40.000 euros para a dinamización do Arquivo Pacheco; 435.000 euros para os servizos de atención ao público dos museos, que sobe en 51.000 euros co fin de ampliar os horarios; a programación didáctica dedicaranse 35.000 euros; 200.000 euros ao programa expositivo (110.000 euros máis); a Fundación Liste recibirá 125.000 euros, a Fundación Laxeiro 95.000, a Fundación Marco 750.000 euros e 120.000 euros para a adquisición de obra artística “tan importante para a reserva dos museos”. Amais, resérvase unha partida de 260.000 euros para acometer melloras no Verbum, 130.000 euros para melloras na Casa das Artes e 40.000 euros para o funcionamento da Pinacoteca.

A promoción cultural elévase a 2.477.181 euros a través de subvencións a diferentes entidades como a Federación de Bandas Populares (233.200€), o convenio coa Asociación de Corais Polifónicas (195.000€), a Orquestra Vigo 430 (150.000€), a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais (100.000€, cunha suba “importante” de 82.000 euros anuais; a Orquestra Clásica recibirá 60.000 euros, duplicando a axuda desde 2024; a Fundación Mayeusis 60.000 euros; Amigos da Ópera, Outono Lírico, 60.000 euros; o Instituto de Estudos Vigueses sobe a dotación en 13.000 euros, acadando os 50.000; a Coral Casablanca recibirá 42.500 euros, o Concurso de piano 40.000 euros, a Asociación de Premios da Crítica verá incrementada a súa asignación ata os 12.000 euros; a Feira do Libro recibirá 15.000 euros, a Sociedade Filharmónica de Vigo 15.000 euros, a Orquestra infantil KV2211 10.000 euros; o Maratón Fotográfico 8.000 euros e a Fundación SonDeSeu, 8.000.

 

Descargar todas as imaxes