Vigo abre o prazo de solicitude para celebrar as fogueiras de San Xoán
O Concello vén de publicar o bando que recolle as condicións de celebración das cacharelas e sardiñadas da festa de San Xoán deste ano para a noite e a madrugada dos días 23 e 24 de xuño.
“É unha gran festa e debemos facela con toda a seguridade”, apuntou o rexedor, ao informar sobre a publicación do bando municipal que establece as normas, os requisitos e os prazos de celebración da noite de San Xoán.
Tal e como explicou Caballero, as solicitudes para organizar fogueiras ou sardiñadas deben presentarse no Concello cunha antelación mínima de doce días antes da celebración do evento, para que poida ser analizado o contido e sexa remitida a autorización.
O bando establece que a celebración das fogueiras e sardiñadas en vías e espazos públicos de titularidade municipal só serán concedidas aos colectivos ou asociacións veciñais e culturais debidamente constituídos. Os elementos da fogueira deben estar colocados dous días antes da queima, para poder ser revisados polo servizo municipal de extinción de incendios e salvamento. Respecto ás características, nas zonas urbanas, o volume do combustible da fogueira non excederá os 4 metros de diámetro nin os 2 metros de altura e, nas zonas rurais, o volume do combustible non excederá os 6 metros de diámetro nin os 3 metros de altura. En canto á separación entre fogueiras, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano, debe ser como mínimo de 12 metros, excepto no centro urbano.
O alcalde recalcou que quedan prohibidas, salvo autorizacións excepcionais, as fogueiras nas praias, parques e xardíns de titularidade municipal, no ámbito do Centro histórico así como preto de calquera elemento histórico ou cultural e prohíbese tamén a queima de materiais ou produtos contaminantes (pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano…).