Escoitar

Caballero reclamará a Rueda, na reunión do 25 de xuño, os temas da Xunta pendentes en Vigo desde hai 15 anos

O alcalde remitiu hoxe unha carta ao presidente da Xunta comunicándolle a súa dispoñibilidade para reunirse o día 25 de xuño e abordar unha ampla listaxe de temas pendentes con Vigo desde hai 15 anos. Ademais de solicitar a solución a un importante número de materias que a administración galega mantén sen resolver, Caballero urxe a “cooperar” coa cidade en ámbitos como a construción do estadio de Balaídos. Avanzou que acode á reunión con Alfonso Rueda “nin esperanzado, nin desesperanzado" e que "é a oportunidade que ten a Xunta de cambiar o enfoque e darlle a Vigo o que lle corresponde porque somos a primeira cidade de Galicia”.

luns, 10 xuñ 2024

Abel Caballero, tras lembrar hoxe que o presidente da Xunta lle ofreceu manter o encontro os días 25 ou 26 de xuño explicou que propón o martes 25 pola mañá e sinalou que na longa axenda dos temas a abordar con Alfonso Rueda se atopa, tanto a retirada da candidatura de Illas Cíes Patrimonio da Humanidade presentada pola administración galega, como o desbloqueo e posta en marcha da Área Metropolitana ou asumir o financiamento das escolas infantís e centros de día que a Xunta obriga a pagar ao Concello. A estes hai que sumar a escasa asignación de fondos europeos, fundamentalmente para temas de vivenda, e “por tanto, escatimando fondos europeos para Vigo”, ademais da oposición a que Vigo conte coa Biblioteca do Estado.

O alcalde avanzou que o Concello necesita que a administración galega aprobe a gratuidade dos aparcamentos no Hospital Álvaro Cunqueiro e, se non, “comprámoslle unha parcela para facer un estacionamento gratuíto”, ademais da humanización de todos os viais de titularidade da Xunta.

O rexedor urxe á Xunta a “cooperar” e anticipa que no encontro exporá “o que Vigo demanda desde hai 15 anos e que non estamos a obter e está a ser uns malos tratos permanentes”. Caballero, á vez que trasladou a súa satisfacción coas iniciativas feitas pola administración galega en Vigo, incidiu en que “en 16 anos só fixo a Cidade da Xustiza”.

Descargar todas as imaxes