O Concello dedica 195.000 euros ao programa “Vigo, un mar de corais”
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a subvención nominativa mediante convenio coa Asociación de Corais Polifónicas de Vigo, Acopovi, para financiar o ciclo de concertos.
O alcalde explicou que o goberno municipal dedicará 195.000 euros ao financiamento do programa “Vigo, un mar de corais”, que se desenvolve ao longo deste ano 2024.
Caballero puxo en valor o traballo de Acopovi, que reúne 39 corais da cidade aglutinando máis de mil persoas que “cantan, fan cultura e socializan”, polo que aposta pola continuidade do programa: “seguiremos financiando e facendo que as corais sigan cantando na cidade”.
O programa “Vigo un mar de corais” desenvólvese en diferentes espazos da cidade, con entrada de balde, tivo unha dedicación especial durante o mes de maio coa celebración do Día das Letras Galegas e para os meses de xuño, xullo e agosto ten previstas numerosas actuacións.