O estadio de Balaídos acollerá a firma do convenio da grada de Gol o venres 14 de xuño
Abel Caballero desvelou esta mañá a data da firma do convenio da construcción da nova grada de Gol, na que Concello e Deputación de Pontevedra financiarán a partes iguais os 26.304.618€.
“O vindeiro venres 14 de xuño firmaremos no estadio de Balaídos o convenio coa Deputación de Pontevedra para a construción da nova grada de Gol”, indicou Caballero este luns. O Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra achegarán 13.152.309€ cada unha das institucións, para unha obra que conta cun prazo de execución de 29 meses, “incluíndo a licitación e a tramitación”, aclarou o rexedor.
A nova grada será practicamente unha réplica de Marcador Centenario, “logrando unha imaxe uniforme do estadio”. O terreo de xogo situarase a tan só 8,5 metros, en paralelo á liña de fondo, para que os espectadores teñan unha visión despexada e completa. Contará cun incremento de aforo, pasando dos aproximadamente 4.000 espectadores actuais ata os 6.400 espectadores, que terán as mesmas butacas que no resto do estadio.
Caballero destacou que se creará, “un novo espazo aporticado de máis de 500 metros de lonxitude, enlazando o anel de soportais de Gol e Marcador entre si, creando un novo espazo público cuberto”, o que implicará a intervención sobre a fachada xa reformada de Tribuna.
Proxéctanse 6 escaleiras de amplas dimensións e 8 ascensores que facilitarán a mobilidade de forma notable, dando servizo tamén ás bancadas de Río e Tribuna, xerando un anel perimetral de bancadas conectadas, entre os diferentes niveis. O proxecto tamén contempla un tanque de almacenamento de augas pluviais para a súa reutilización co rego do céspede.